Guía

Recóllense aquí propostas de traballo secuenciado co obxectivo xeral de abordar determinadas etapas e autores do século XX por medio de tarefas colectivas sobre as lecturas e o seu contexto entendendo o influxo determinante das circunstancias históricas e da situación sociolingüística na evolución do sistema literario galego, tal como se indica no currículo, no que tamén se especifica que o criterio fundamental no segundo ciclo da ESO para avaliar as competencias do alumnado en relación coa historia da literatura é que saiban explicar as relacións das obras co contexto histórico e literario en que aparecen e os autores máis relevantes, realizando un traballo de información e de síntese ou de resolución de problemas.

Así, baséanse estas propostas na indagación con fins produtivos guiada por unha tarefa xeral distinta para cada secuencia:

  • aclarar uns feitos recollidos nun texto dun autor por medio dun vídeo didáctico
  • achegar os feitos literarios á xente nova a través da banda deseñada
  • facer un percorrido, unha ruta literaria
  • recomendar de xeito argumentado a obra máis interesante dunha etapa ou dun autor
  • etc.

O proceso é semellante en todos os casos:

    – cumprirá investigar sobre o contexto histórico, cultural e ideolóxico, recollendo os datos de maneira sintética e ordenada nun diagrama ou nun mapa conceptual.

    – a seguir, relacionaranse as características do conxunto da obra do(s) autor(es) con tal contexto histórico empregando presentacións con imaxe e texto; haberá tamén que escolmar producións e profundar nelas.

    – e por último, integrarase toda a información na creación do produto proposta na tarefa, cunha reelaboración final.

Para iso e coa intención de integrar o manexo das TIC, empregaranse diferentes ferramentas web que poden encarreirar o tratamento e presentación da información. Fundamentalmente:

    1. Para recompilar, seleccionar, integrar, reorganizar e presentar información sobre o contexto: nun primeiro momento, Delicious e o blogue propio, despois Gliffy ou Mindomo, que permiten exportar a composición. Resultado: unha imaxe.

    2. Para establecer conexións entre o contexto e as obras: Zohoshow (ou, máis sinxela e con transicións: PreZentit). Resultado: unha presentación de diapositivas que incluirá a imaxe anterior e é expotábel como pdf, htm, etc.

    3. Para elaborar o produto final, que aproveitará as diapositivas xa feitas: Showbeyond, Scrapblog, Mixmoov, Slideboom, Comiqs, Toondoo, Tagzania, Bigcontact ou Esnips. Resultados: vídeo, banda deseñada, mapa ilustrado ou podcast enriquecido.

En cada unha da fases, é importante orientar e facilitar o acceso aos recursos, ás guías para a elaboración e aos criterios de (auto)avaliación.

Aínda que as actividades son sempre poucas e non ensarillan o proceso, o feito de que teñan certa complexidade ao intentar desenvolver múltiples competencias fai que, cando menos nun principio, teñamos que contar cunha temporalización dunhas seis ou sete sesións de traballo.

Este debería realizarse en pequenos grupos, condicionando a partilla dos diferentes labores (procuras, lecturas selectivas, composicións…) e a asignación de roles particulares asemade: coordinador/a -pensa como aproveitar mellor o tempo e o traballo de cadaquén e revisa continuamente as estratexias-, compositor/a -fai propostas para organizar axeitadamente os contidos-, etc.

Os enunciados preséntanse aquí, mais o traballo en equipo é mellor desenvolvelo nunha rede Ning e recompilar as producións nun wiki.